1.-A historia do conflito

- A finais de 2006 o Diario Oficial de Galicia fai públicas tres concesións mineiras para extracción de cuarzo. A intervención sobre o terreo abrangue preto de 6000 hectáreas nos concellos de Cospeito, Castro de Rei, A Pastoriza, Vilalba, Abadín e Riotorto.
- ADEGA será a primeira asociación que informe do proxecto mineiro á poboación da Terra Chá, presentando ademais un primeiro recurso contra a concesión que asinan varios colectivos.
- Ao comezar 2007 convócase a primeira mobilización en Lugo. Aínda que as primeiras reunións veciñais teñen lugar nun ambiente de desinformación xeral, pouco a pouco se van coñecendo os datos concretos: as concesións aprobáronse gobernando o bipartito, co expediente xa case rematado. O último goberno da era Fraga fora o que asinou a declaración de impacto ambiental.
- Cando por fin saltou o conflito todos os grandes partidos (PP, BNG e PSOE) tomaron posición a favor dos intereses empresariais foráneos e mantivéronse xordos á grave realidade que diversos sectores da Terra Chá (o labrego, o agrogandeiro, o cultural, etc.) ían poñendo sobre a mesa.
- Para sorpresa dos seus votantes, nin BNG nin PSOE revisaron a Declaración de Impacto Ambiental; tampouco as concesións. Ben ao contrario, botaron anos pasándose a pelota dun partido para outro, como se non estivesen gobernando xuntos. Ao final tratábase de que gañase o partido Erimsa, esa empresa de Noruega cuxos executivos teñen previsto mercar coches de luxo á conta da nosa comarca. E iso foi o que ocorreu.
- En 2007 entra no Parlamento a nova Lei de Minería. No texto provisional da Lei unha disposición adicional modificaba a Lei do Solo eliminado a prohibición de implantar actividade extractiva en solo de protección agraria: unha disposición feita á medida dos plans que tiña Erimsa para a Terra Chá. O SLG presentou alegacións; ADEGA e o SLG mantiveron reunións con representantes de todos os grupos con representación no Parlamento de Galicia. Ao final os dous partidos no goberno da Xunta recuaron e enmendaron a súa propia Lei.
- 2008: Erimsa comeza a impacientarse. O dous de agosto o BNG presenta a “gran solución”: o Conselleiro e o Director Xeral de Erimsa asinan un protocolo no que en teoría a concesión quedaría reducida a un 70% do proxecto inicial. Trátase dunha falsidade, unha montaxe para enganar a xente e pechar o conflito en falso. Erimsa sería a única beneficiada porque na realidade nunca chega a se modificar a extensión da concesión. É máis: no protocolo nin sequera figura que Erimsa renuncie ao seu “dereito” á expropiación das terras., o cal sementa máis ca dúbidas sobre o carácter benefactor da súa actividade. Ninguén quere expropiar unha terra que acabará sendo inservible, como demostran os informes xeolóxicos e ambientais.
- Fixémonos nos detalles: o gran titular é “Redución do 70%” Na práctica o que se di é que Erimsa “vai cumprir a Lei“ (un verdadeiro alivio!). Afírmase que non se expropiarán as vivendas (algo que xa se sabía por canto á empresa só lle compensan os terreos en réxime de arrendamento, para despois devolvelos aos propietarios unha vez destrozados) e déixanse fóra as zonas que xa a Declaración de Impacto Ambiental prohibía explotar. Erimsa, desde logo, non tiña présa ningunha: dispoñía –dispón- de 90 anos para dividir a xente, para agardar os cambios políticos e lexislativos oportunos e continuar creando confusión.
- Mentres todo isto ocorre, diversos colectivos non cesan de organizarse. Son perto de trinta entre cooperativas agrarias, comunidades de regantes, asociacións ecoloxistas, veciñais, culturais, Comisión de Concentración Parcelaria, sindicatos agrarios e tamén (ben que a título individual) representantes municipais de todos os partidos. A posición maioritaria mostrarase radicalmente en contra do protocolo anunciado.
- En decembro dese mesmo ano Erimsa presenta escrito alegando que o silencio administrativo se interpreta como autorización e presenta unha licenza nova. O Concello de Cospeito, logo os da Pastoriza e Castro de Rei comunican ao SLG que o proxecto para a extracción de cuarzo se encontra en fase de exposición publica. É entón cando as asociacións inician unha forte campaña de alegacións contra a implantación da actividade en solo de protección agropecuaria. Trátase dunha alegación fundamental: as áreas nas que se pretende intervir están suxeitas a esa clasificación.
- Centos de alegacións poñen os concellos contra as cordas. Os seus representantes din estar en contra, pero non van máis aló e continúan dosificando convenientemente a información, á espera de ordes superiores. Con respecto ao silencio administrativo das primeiras licenzas, Erimsa presenta recursos que están na actualidade sen resolver.
- Durante 2008 e 2009, os colectivos que nos opoñemos ás minas participamos nas manifestacións de Galiza Non se Vende. Erimsa segue insistindo en que cumpre coa lei mentres ao mesmo tempo pon a andar unha campaña informativa polo concellos utilizando persoal técnico, material audiovisual e mesmo regalando gorras e bufandas como se a veciñanza da Terra Chá fosen indíxenas á espera dos grandísimos beneficios que vai traer o negocio dunha empresa na que, obviamente, non teñen a máis mínima participación.
- Hoxe a pelota volve estar no tellado do PP. O Goberno actual vén de modificar a lexislación para permitir a a actividade mineira en Solo Agrario de Especial Protección (practicamente o 100% do afectado). Coa nova lexislación a actividade é “autorizable” pola Xunta. Este goberno deu aos empresarios da minería o que lles negara o bipartito.
Non é pouco o que unha comisión de Asociacións (onde participamos colectivos agrogandeiros, representantes de todos os partidos e persoas das máis diversas ideoloxías capaces de poñer as súas diferenzas en segundo plano) leva conseguido ata o día de hoxe: ningunha escavadora empezou aínda a destruír a terra para extraerlle o seixo.
