19
Abril
2011

A Xustiza desestima o recurso de ERIMSA contra Cospeito pola licenza para extraer cuarzo

Comunicado de prensa da Comisión contra as minas na Terra Chá. 19 de abril de 2011

A Comisión contra as minas na Terra Chá -integrada por comisións de concentración parcelaria, cooperativas agrarias, comunidades de regantes, asociacións de veciños, asociacións culturais e organizacións agrarias- celebra a sentenza que impedirá á mineira ter permiso municipal para a súa actividade e agarda que os recursos contra Castro de Rei e A Pastoriza teñan desenlaces semellantes.


O xulgado do contencioso-administrativo nº 2 de Lugo vén de ditar sentenza desestimatoria en relación á demanda promovida pola empresa mineira Erimsa contra o Concello de Cospeito. Aínda que pode recorrer a sentenza, agora mesmo Erimsa non poderá obter licenza urbanística nin de actividade en Cospeito, tal e como pretendía tras solicitala e non obter resposta municipal.

Erimsa ten tres concesións mineiras para extracción de cuarzo que afectan preto de 6.000 hectáreas nos concellos de Cospeito, Castro de Rei, A Pastoriza, Vilalba, Abadín e Riotorto. A finais de 2008 solicitou as licenzas urbanística e de actividade en Cospeito, Castro de Rei e A Pastoriza. Os concellos non contestaron e Erimsa entendeu concedidas as licenzas «por silencio administrativo».

No entanto os consistorios, amparándose na Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural, afirmaron que non cabía entender o silencio administrativo como licenza. Erimsa presentou recursos nos xulgados de Lugo e demandou os concellos afectados. Agora os tribunais dan a razón ao Concello de Cospeito, a G. R. F. -que comparecera en representación da Comisión-, ao Sindicato Labrego Galego e a outras persoais do sector gandeiro e veciñal.

A Comisión contra as minas da Terra Chá celebrou a sentenza e expresou o seu desexo de que os contenciosos interpostos contra os concellos de Castro de Rei e A Pastoriza teñan o mesmo desenlace. Hoxe é, sen dúbida, un moi bo día para todas as persoas que defenden o delicado equilibrio entre as necesidades económicas reais da comarca, o medio ambiente e a conservación do seu rico patrimonio natural e cultural.

Chuzame! A Facebook A Twitter

6
Maio
2010

A TERRA CHÁ: UNHA COMARCA AMEAZADA

Chuzame! A Facebook A Twitter
6
Maio
2010

COMISIÓN DE ASOCIACIÓNS EN CONTRA DAS MINAS DA TERRA CHÁ


Máis de tres anos transcorreron desde que tivemos a primeira noticia das concesións de seixo da Terra Chá a favor da empresa Erimsa. Desde aquela esta Comisión de Asociacións non deixou un só día de traballar:

<Informamos os veciños e veciñas dos prexuízos que a extracción do seixo conleva para a actividade agrogandeira en particular e para a veciñanza de toda a comarca en xeral.

< Levamos a cabo un intenso traballo xurídico: recursos, alegacións diante dos concellos, seguimento dos expedientes de solicitudes de licencia por parte da empresa…

< Organizamos manifestacións e denunciamos publicamente a situación (roldas de prensa, concerto reivindicativo do 20-III  en Muimenta etc.)

<Logramos bloquear -non é pouco- os permisos necesarios para que se iniciase a actividade. Hai que ter en conta que nos enfrontamos a unha Empresa Multinacional con inmenso poder e que a Administración nunca nos apoiou.

SITUACIÓN ACTUAL

Desde hai un mes esta novidade lexislativa agrava a situación: o salvavidas co que  contábamos era a prohibición da actividade extractiva en chan rústico de protección agropecuaria (practicamente o 100% do afectado). O sector da minería aumentou a presión sobre os gobernantes e o que non conseguiron na anterior lexislatura acábano de conseguir co goberno do Partido Popular: o 31 de marzo publicábase no DOG a modificación da Lei do Solo pola cal unha autorización expresa da Xunta de Galicia deixaría sen efecto a prohibición de realizar actividades mineiro-extractivas en solo rústico de protección agropecuaria.

Ao non conceder os concellos as primeiras solicitudes de licenza que presentara a empresa (2008), Erimsa presentou recursos diante dos Xulgados do Contencioso-administrativo de Lugo, comparecendo contra eles representantes das asociacións.

Coa recente lexislación levántase a prohibición e pasa a ser “autorizable”. Que significa na práctica isto? Que o goberno autorizará (ou non) dependendo da presión que sexamos quen de facer. Se ven en perigo un puñado de votos, os que dan por exemplo o goberno da Deputación, tede por seguro que o han pensar dúas veces.

Tamén haberá que lembrar á Xunta de Galicia que a autorización ou licenza non é automática: a Administración debe comprobar que se cumpren todos os requisitos contemplados pola Lei (e non só os urbanísticos).

É triste que o futuro da Terra Chá dependa dun puñado de votos, pero é a realidade.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp